top of page

Coñece máis sobre a Sinfónica de Pontevedra

O proxecto da Orquestra Sinfónica de Pontevedra nace a finais do ano 2006, co nome de Asociación Cultural Orquestra Filhamónica Cidade de Pontevedra sendo un reto emocionante, tanto para os membros que a integran cómo para o público ao que confía en poder dirixirse, co obxectivo de integrarse no contexto social, educativo e artístico de Pontevedra e, por extensión, de toda Galicia.

 

Fixo a súa presentación en xuño de 2007, baixo a dirección de Javier Viceiro Filgueira, cunha plantilla orquestral dunha sólida formación, moitos con traxectorias profesionais xa consolidadas e outros á procura da madurez artística que só pode proporcionar o contacto directo coa mellor tradición sinfónica. Ao longo destes anos actuou nos principais auditorios de Galicia: nas cidades de Santiago, A Coruña, Ourense, Vigo, Ferrol e Vilagarcía de Arousa, ademais de Pontevedra, cidade onde a orquestra ten a sede e realiza a maior parte das súas actuacións.

Coa pretensión de facer todo tipo de músicas, a orquestra colaborou con institucións artísticas como o Centro Coreográfico Galego, a Plataforma Musgafol, o Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia, Coro “Terra a Nosa”, coro “Gli Apassionati”, Coro Réduit Ensemble, Banda de Gaitas de Forcarei, Ballet de Galicia e a Agrupación Folklórica Tequexetéldere. Participou na final do XXV Concurso Internacional de Piano “Cidade de Ferrol”, e na Mostra de Cine Periférico S8 da Coruña poñendo música en directo ao film de Fritz Lang “Metrópolis”.

Colaborou en numerosas ocasións no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Participou moi activamente no festival “Concertos en Familia”, facendo concertos didácticos para escolares e recitais para o público infantil. E mantén os tradicionais Concertos de Aninovo e Mulleres e Inspiración, celebrados no Pazo da Cultura de Pontevedra, durante os meses de Xaneiro e Marzo, cun grande éxito e afluencia de público.

A súa discografía conta con catro traballos: o primeiro deles "Ai dos que levan no bico un cantar", en colaboración co Coro Universitario de Vigo; o segundo é un libro-CD da editorial OQO do conto "Hansel e Gretel", con música da ópera homónima de Humperdinck; o terceiro, é o CD de "Conmemoración do 150 aniversario do Conservatorio de Música de Pontevedra", traballo que contén o Concerto en estilo antigo do mestre Manuel Quiroga interpretado por Sergio Heredia e Follas Vellas de Saúl Chapela, obra gañadora do concurso de composición organizado polo centro pontevedrés, con Marina Hermida como violín solista; e o último un libro-CD “Lingua Guapa, cantos que contan”, con letras de Fina Casalderrey e música de Néstor Blanco.

Coa orquestra actuaron numerosos cantantes e solistas do ámbito galego. Entre eles, Isabel Pérez Dobarro (pianista), Ramón Carnota (guitarra), Gonzalo Álvarez (piano), Nuria Lorenzo (mezzosoprano), Laura Alonso (soprano), Rosalía Gómez Lasheras (piano), Severino Ortiz (piano), Esteban Batallán (trompeta), Victoria Álvarez (soprano), Óscar Ibáñez (gaita), Enrique Alberto Martínez (tenor), Ana Barros (soprano), Jose Manuel López “Josele” (gaita), Abraham Cupeiro e Suso Vaamonde (multiinstrumentistas).

E do ámbito nacional e internacional, destacamos a Jane Birkin (actriz e cantante Británica), Teresa Novoa (soprano), Ruth Terán (soprano), Marta Vélez (violín), José Lourenço (tenor), Joao Terleira (tenor), Vitor Lima (contratenor), Vicente Alberola (clarinete), Youri Popov (piano), Alessio Allegrini (trompa), León Buche (piano), Shen Lu (piano), Fritz Damrow (trompeta), Nicolai Saratovsky (piano) e Aki Saulière (violín).

Como directores convidados estiveron á fronte da orquestra: Maximino Zumalave, David Fiúza,          Vicente Alberola, Alejandro Curzio, Juan Lois Diéguez, Vasco Negreiros, José Sanchís, Diego Martín Etxebarria, Fernando Briones, David Llano, Juan Miguel Romero Llopis, Rafael Agulló, Claudia Dubé e Isabel Rubio.

_MG_5738.jpg
bottom of page